Lingua de signos

Formamos en lingua de signos á persoas de tódalas idades. Para nós a lingua de signos ademais de ser a lingua natural das persoas xordas e con xordocegueira é unha ferramenta integradora e útil na eliminación das barreiras de comunicación, polo que nos parece necesario o seu uso e difusión.

A raíz da aprobación da Lei 27/2007 del 23 de outubro recoñécense as linguas de signos española e catalá así como o dereito das súas usuarias e usuarios a usalas en calquera contexto. Este paso supuxo a aparición de maneira formal da lingua de signos en moitas áreas onde antes era pouco habitual o seu uso, e unha maior visibilidade da mesma na televisión, nos centros educativos, en centros médicos, etc., así como un aumento do seu uso e estudo.  Dende Xoga defendemos a súa difusión e aprendizaxe, pois consideramos que é outra lingua máis da nosa comunidade que facilita a accesibilidade de moitas persoas á información, é inclusiva e ademais é un complemento óptimo para moitos profesionais.

Paralelamente, en Xoga consideramos que existe unha lingua de signos galega que forma parte da nosa cultura e idiosincrasia. A nosa organización traballa para que sexa recoñecida como lingua de signos oficial do Estado igual ca lingua de signos catalá e a lingua de signos española.