Logopedia

Intervén na área da comunicación e linguaxe para alcanzar mellores niveis de comprensión e expresión na lingua oral seguindo unha metodoloxía bilingüe.

Por que logopedia na diversidade sensorial?

Porque o servicio de Logopedia céntrase na potenciación, adquisición e apoio dos procesos de comunicación, linguaxe e voz en tódalas idades.

A Logopedia é a disciplina sanitaria responsable do diagnóstico, intervención e avaliación das funcións da linguaxe (xestual, oral, escrita, expresiva e comprensiva), comunicación, fala, voz, audición e deglutición.

Os obxectivos que nos marcamos están relacionados co acceso á comunicación, á linguaxe e á lectoescritura, e dependerán das características e singularidades de cada persoa.

En Xoga, traballamos cunha metodoloxía a domicilio e en equipo: desenvólvese no contexto natural e familiar da/o paciente, onde este e a súa familia forman parte da toma de decisións conxuntamente cos profesionais logopedas.

  • En crianzas, a Logopedia céntrase en dar resposta ás dificultades que poden aparecer na idade infantil tendo en conta o contexto inmediato da/o menor, onde todos suman (familia, escola e terapeuta). O desenvolvemento da intervención no contexto natural facilita a motivación e favorece a aprendizaxe e xeneralización do mesmo.
  • En adultos trátase de favorecer pautas e estratexias que lle permitan enfrontarse e desenvolver habilidades de comunicación, linguaxe e voz (entre outras) na súa vida diaria. A/O logopeda favorece a aprendizaxe de pautas útiles na vida cotiá onde todos os que interveñen forman un equipo. Temos en conta a preocupación da/o paciente, da súa familia, e facemos unha avaliación precisa das dificultades obtendo información das áreas a reforzar e as capacidades que cada persoa posúe para potencialas.